Non é de extrañar que a Igrexa Católica toque a rebato e consiga multitudes que abarroten, sequera por uns días, os telexornais de medio mundo. Hai que tapar con mediáticos eventos a caída en picado de crentes alí onde sempre conseguira visualizar a súa capacidade de captación. E con ela, o seu poder. Tendo en conta a imparable merma dos crentes máis mozos -a día de hoxe, só o 56 por cento dos comprendidos entre os 18 e os 24 anos-, España non é unha excepción. Coa multitudinaria concentración de xoves chegados desde tódolos rincóns do orbe católico, Madrid terá por cinco días o carácter de cidade/símbolo, quérese dicir, a cidade sobre a que unha organización con grandes recursos, propios e alleos, teima en demostrar contra tantas evidencias que as causas desa desafección están exclusivamente fóra da institución. Por caso, como din, a ausencia de Deus nas sociedades dos países desenvolvidos, ou as políticas laicistas de gobernos como o de Zapatero, que Ratzinger condenará de novo nos discursos que protagonizan a axenda desta viaxe papal.
Porén, esa necesidade non pode verse saciada de calquera maneira. Desde logo, non ata o extremo de poñer en dúbida a boa fe de quen, sabéndose fillo desa Igrexa, ve como algo que debera manterse nos límites dun acontecemento estritamente pastoral cae nun exceso organizativo e na sobreexcitación ideolóxica propias dun evento que se inspira preferentemente na cultura do espectáculo, e moi secundariamente na cultura relixiosa. Eis, como consecuencia, a colonización de múltiples espazos públicos, cedidos con inusitado entusiasmo confesional -nun país constitucionalmente aconfesional- por numerosos cargos políticos, moitos deles coñecidos polas súas enrabiadas diatribas contra cantos, baixo o paraugas do 15-M, ocuparon pacificamente as prazas das principais cidades españolas.
A lideresa Aguirre e o alcalde Gallardón, entre eles, entregados agora á causa de monseñor Rouco cando ordenan transformar colexios en albergues gratuitos, ou pechar ao tráfico e durante unha semana o centro neurálxico da capital de España. Ou o propio goberno do Estado, volcado en darlle cobertura institucional ao evento, deixándose instrumentalizar polos estrategas e animadores da operación JMJ, entre os que está a flor e nata da extrema dereita confesional -Opus Dei, os Kikos, Comunión y Liberación, e os Legionarios de Cristo, competindo por ascender nas preferencias do Papa-, e polos mecenas e patrocinadores do cardeal vilalbés -Banco de Santander, Telefónica, Iberdrola, Endesa, BBVA, e medio cento de empresarios máis-, que gozarán por elo dunha moi ampla bonificación fiscal.
Que diferente daqueloutra entrada do Xesús histórico en Xerusalén, a lomos dun burro e acompañado polos máis pobres do lugar. A escenografía de Cuatro Vientos, e mesmo a do viacrucis cos militares da Legión facéndolle pasillo ao Papa, chocará frontalmente coa de entón. Non serán os pobres, nin ese cuarenta e pico por cento de xoves parados os que acompañen ao Papa nese seu acto central, senón os representantes dos poderes político e relixioso, militar e financeiro. Ratzinger e Rouco non se verán por iso sometidos á ira dos poderes político e relixioso que o fundador do cristianismo sufrira daquela. Pero tampouco se han beneficiar do efecto enerxético que se poidera derivar, como entón, dunha viaxe profética en tempos de crise e tribulación social. É o que ten tanto exhibicionismo gratuito. Malia que non o sexa, máis que a visita dun Papa parece a dun emperador. E repele.
No hay comentarios:
Publicar un comentario