domingo, 18 de septiembre de 2011

Prexuizos que matan

Tamén son un dos moitos que se preguntan como sendo a definitiva desaparición de ETA o obxetivo máis desexado, sempre aparece nas vísperas algún factor inesperado que o acaba condicionando e atrasando. A sentenza coa que a Audiencia Nacional condena a Arnaldo Otegi e ao líder sindical Rafa Díez a dez anos de cárcere, é un deles. A erradicación da violencia é para a poboación española e para a sociedade vasca un ben superior, e non deberan producirse excusas interpretativas, veñan dun tribunal ou de calquera outro sector de opinión, que o supediten a prexuizos máis ou menos razonables, a cuestións morais máis ou menos aceptables ou a cálculos de interés político/electoral. Non é fácil expresar esta maneira de entender as circunstancias que a día de hoxe favorecen, máis ca nunca, que a serpe que leva máis de 50 anos inxectando o veneno do odio e da morte, sen outro norde que o de investir en independencia esa criminal cruzada, se autofagocite e desapareza para sempre. A tempo de que todos cantos teñen esa mesma aspiración de independencia, e veñen apostando por facela real exclusivamente a través das vías políticas e constitucionais que ofrece a democracia, se reafirmen nesa decisión. A que a esquerda abertzale, con Otegi á fronte, adoptou a través dun proceso de reflexión e debate no que tomou parte un milleiro de militantes da ilegalizada Batasuna, e que outras forzas democráticas como Aralar e Eusko Alkartasuna asumiron no Acordo de Gernika. O que levou a que ETA anunciara un alto o fogo permanente, verificable, xeral e unilateral, que xa dura 550 días. E non é fácil porque hai nesas circunstancias posicións, intereses e mesmo prexuizos que as embarullan moito máis alá do razonable. Entendo que do pasado se poidan extraer motivos para a dúbida, pero deberan recoñecer que nunca os factores que violaron noutras treguas o iniciado proceso de paz estiveron tan desactivados como agora. Por dúas razóns: o acoso e descabezamento da organización terrorista por parte das forzas de seguridade do Estado, e de maneira absolutamente decisiva, a progresiva desafección que sufre por parte da base social na que sempre se apoiara. Non doutra maneira se houbera dado o fenómeno de Bildu, cuxos estatutos rexeitan abertamente a violencia de ETA, nas eleccións do 22-M. Deses intereses e prexuizos saen, pese a tantas evidencias en contra, o embridamento do PP na absurda teoría de que todo o que se relaciona directa ou indirectamente coa esquerda abertzale é ETA. Sen atreverse, iso si, a completar o siloxismo, porque entón non serían suficientes tódolos cárceres de Europa para tantos supostos terroristas -o vintecinco por cento da sociedade vasca que votou a Bildu, e cando menos tódolos alcaldes e concellais, con Martín Garitano á cabeza, que gobernan nun cento de concellos-. Todo un disparate. Que a maxistrada Ángela Murillo, na que o Supremo atopara os prexuizos que invalidaron un xuizo anterior contra Otegi, podería estar lexitimando. Colocando inexplicablemente -a argumentación de que os condenados iniciaron a reconversión en contra da violencia e a prol das vías exclusivamente políticas por orden de ETA é tan endeble que asusta- nas rodas do imparable proceso de pacificación o pau que volve atrasar o the end máis do necesario. Sen librarse o tribunal de poñerlle en bandexa a Bildu e á esquerda abertzale unha aínda maior arribada de votos no 20-N, e ela mesma ou Sortu, a dirección política de Euskadi no 2013. Hai prexuizos que matan.

No hay comentarios:

Publicar un comentario