martes, 30 de agosto de 2011

Radios e fútbol

A crise morde no fútbol. Despois da folga promovida pola asociación de futbolistas (AFE) son os medios radiofónicos os que o fan penar con minutos de silenzo. Unha auténtica traxedia. Sen os ‘carruseles’ dos sábados, e sen os que emulan a Tarzán comunicando goles nas tardes dos domingos, a vida de ducias de milleiros de transistorizados españois de a pé pode perder os escasos incentivos que aínda lle quedan neste tempo de recesións e rescates. A pouco que esta nova batalla mediático/futbolera entre en barrena, cousa que podería suceder vendo en que condicións económicas sobreviven os de un e outro lado, o PSOE e o PP poden acabar tendo a tentación, xa postos, de constitucionalizar un tope de gasto para o fútbol, o deporte nacional. E de paso, por aquelo de tocaren de cheo co que en tempos máis democráticos comportaba o concepto de servizo público, para os medios de comunicación, que sufren as consecuencias da súa particular burbulla.
Non sei de ningún outro sector que, en demostrando o estado calamitoso ao que o conduciron os seus directivos, siga recibindo como sucede co fútbol tan patrióticas e masivas mostras de adhesión. Pero é asi, mesmo nas actuais circunstancias económicas, nas que todo se analiza con lupa. A débeda total entre os clubes de Primeira e Segunda división elévase a uns 4.000 millóns, e son 19 os que están en concurso de acreedores tentando unha renegociación que os libere da perda de categoría prevista pola lei. No plano humano, esa situación derivou á súa vez nos 50 millóns de euros que adebedan aos seus respectivos xogadores. Do outro lado, os medios, que non están tan ás vistas deses públicos masivos, pero que andan os máis de capa caída, con débedas multimillonarias e sen publicidade que levarse ao bandullo da crise, e bastantes deles como putas por rastrollo -un dito popular que aos dos chamados realitys lles vai como anel ao dedo-.
A batalla que se abriu na primeira xornada de liga por terse negado as radios a pagar o canon de retransmisións en directo que lles esixe a LPF, gardando un clamoroso minuto de silenzo no arranque dos seus respectivos magazines deportivos, é un trasunto daqueloutra na que as grandes plataformas televisivas se disputaron o dereito, e máis tarde os dereitos, de retransmisión. O que daquela pareceu cousa natural, de mercado, é agora para eses mesmos interesados un ataque contra a liberdade de información e prensa. Outros non o entedemos así. Por máis que resulte especialmente doorosa a ruptura desa relación -a radio deportiva serviu de medium en épocas de forzosa incomunicación social, e apoiou a popularización e socialización do fútbol-, o conflito ten basicamente unha raíz mercantil, de mercado e de subsistencia para ambas partes.
É por iso demagóxico forzar a argumentación normativa desde os púlpitos nos que conflúen os intereses das empresas radiofónicas e os dos seus ben pagados condutores -algúns deles con participación nos beneficios da publicidade que vocean entre conexión e conexión cos estadios-. Os clubes son sociedades anónimas e dispoñen, por concesión ou propiedade, dun estadio para os espectáculos deportivos que se programen neles. Xa que logo, poden esixir un prezo aos medios que, desexando facer deles unha retransmisión en directo que lles asegure millonarios beneficios publicitarios, utilicen as instalacións destinadas ao efecto. É o que ocurre no resto de Europa. Atentarían contra o artigo 20 da Constitución se tentasen impedir que medios e xornalistas accedan aos estadios para a elaboración posterior das súas crónicas. Non é o caso. Cousa distinta é valorar cal sexa o destino dos 15 millóns que a LFP recade por esa vía. Como tamén o é comprobar se as estrelas dos grandes magazines seguen radiando o fútbol como se duns berreantes tomboleiros se tratase.

No hay comentarios:

Publicar un comentario