martes, 30 de agosto de 2011

Radios e fútbol

A crise morde no fútbol. Despois da folga promovida pola asociación de futbolistas (AFE) son os medios radiofónicos os que o fan penar con minutos de silenzo. Unha auténtica traxedia. Sen os ‘carruseles’ dos sábados, e sen os que emulan a Tarzán comunicando goles nas tardes dos domingos, a vida de ducias de milleiros de transistorizados españois de a pé pode perder os escasos incentivos que aínda lle quedan neste tempo de recesións e rescates. A pouco que esta nova batalla mediático/futbolera entre en barrena, cousa que podería suceder vendo en que condicións económicas sobreviven os de un e outro lado, o PSOE e o PP poden acabar tendo a tentación, xa postos, de constitucionalizar un tope de gasto para o fútbol, o deporte nacional. E de paso, por aquelo de tocaren de cheo co que en tempos máis democráticos comportaba o concepto de servizo público, para os medios de comunicación, que sufren as consecuencias da súa particular burbulla.
Non sei de ningún outro sector que, en demostrando o estado calamitoso ao que o conduciron os seus directivos, siga recibindo como sucede co fútbol tan patrióticas e masivas mostras de adhesión. Pero é asi, mesmo nas actuais circunstancias económicas, nas que todo se analiza con lupa. A débeda total entre os clubes de Primeira e Segunda división elévase a uns 4.000 millóns, e son 19 os que están en concurso de acreedores tentando unha renegociación que os libere da perda de categoría prevista pola lei. No plano humano, esa situación derivou á súa vez nos 50 millóns de euros que adebedan aos seus respectivos xogadores. Do outro lado, os medios, que non están tan ás vistas deses públicos masivos, pero que andan os máis de capa caída, con débedas multimillonarias e sen publicidade que levarse ao bandullo da crise, e bastantes deles como putas por rastrollo -un dito popular que aos dos chamados realitys lles vai como anel ao dedo-.
A batalla que se abriu na primeira xornada de liga por terse negado as radios a pagar o canon de retransmisións en directo que lles esixe a LPF, gardando un clamoroso minuto de silenzo no arranque dos seus respectivos magazines deportivos, é un trasunto daqueloutra na que as grandes plataformas televisivas se disputaron o dereito, e máis tarde os dereitos, de retransmisión. O que daquela pareceu cousa natural, de mercado, é agora para eses mesmos interesados un ataque contra a liberdade de información e prensa. Outros non o entedemos así. Por máis que resulte especialmente doorosa a ruptura desa relación -a radio deportiva serviu de medium en épocas de forzosa incomunicación social, e apoiou a popularización e socialización do fútbol-, o conflito ten basicamente unha raíz mercantil, de mercado e de subsistencia para ambas partes.
É por iso demagóxico forzar a argumentación normativa desde os púlpitos nos que conflúen os intereses das empresas radiofónicas e os dos seus ben pagados condutores -algúns deles con participación nos beneficios da publicidade que vocean entre conexión e conexión cos estadios-. Os clubes son sociedades anónimas e dispoñen, por concesión ou propiedade, dun estadio para os espectáculos deportivos que se programen neles. Xa que logo, poden esixir un prezo aos medios que, desexando facer deles unha retransmisión en directo que lles asegure millonarios beneficios publicitarios, utilicen as instalacións destinadas ao efecto. É o que ocurre no resto de Europa. Atentarían contra o artigo 20 da Constitución se tentasen impedir que medios e xornalistas accedan aos estadios para a elaboración posterior das súas crónicas. Non é o caso. Cousa distinta é valorar cal sexa o destino dos 15 millóns que a LFP recade por esa vía. Como tamén o é comprobar se as estrelas dos grandes magazines seguen radiando o fútbol como se duns berreantes tomboleiros se tratase.

sábado, 27 de agosto de 2011

O autismo dos partidos

En vez de ver nos movementos emerxentes unha ocasión de ouro para despreguizarse abastecéndose de ideas coas que satisfacer as novas demandas, os partidos políticos recíbenos como competidores. Constátase non tanto entre as organizacións conservadoras, coas que eses movementos cívicos teñen unha moi escasa ou nula sintonía, senón entre as máis progresistas e de esquerdas. Abonda con revisar as reaccións probocadas pola irrupción dos indignados do 15-M, ou por cantos queren ir máis aló formulando iniciativas propositivas, como as ducias de galegos que están detrás da plataforma BenComún, para confirmalo. Por caso, a actitude de ida e volta amosada polo PSOE. Ou a dun destacado dirixente da UPG escriturada nun enoxadísimo artigo que facía dos primeiramente citados uns inxenuos cómplices do capitalismo serodio. Desbotando outros dirixentes do PSdG, do BNG e de IU a proposta dunha candidatura unitaria para o Senado que os segundos plantearan con realismo político, seica porque uns e outros están nas antípodas e non terlles entrado por rexistro esa esixencia en formato de clamor popular.
Porén, a realidade é a que é. Nas pasadas eleccións locais, as esquerdas tocaron fondo. E ben farían os partidos tradicionais asimilando as causas que están detrás da progresiva e imparable desafección social que os ailla cada vez máis daqueles aos que viñan representando en exclusiva. Porque diso se trata. De representar uns e outros diferentes cosmovisións respecto do proxecto de sociedade e de Estado, para que a cidadanía optase en función delas, acabaron actuando como maquinarias electorais para chegaren ao poder e contentarse con exercelo. Sendo á súa vez vítimas da actual orfandade ideolóxica, que acabou por indiferencialos. Polo demais, tampouco evidencian moita diferencia na concepción que teñen da política. Lonxe de repensar ideolóxica, política e estruturalmente as funcións que han desenvolver en base aos cambios e transformacións nos que se manifesta a complexidade do tempo actual, acomódanse nas esencias botando balóns fóra -fracasos, culpas, militantes rebeldes-, asimilando incluso as correntes críticas internas mediante unha simple recomposición do existente.
Perden asi o poder de intermediación que posuían en exclusiva. Situación á que non é allea a consolidación de grupos sociais e sectoriais que, non sen tensións e mesmo non sen contradicións, emerxen conformando un novo e competitivo actor social. Aquel que identificamos por sociedade civil. O descrédito e a desafección son, xa que logo, a causa e á vez a consecuencia da cerrazón e do autismo aos que se entregaron os partidos tradicionais. A sociedade civil, e os movementos emerxentes nos que ela se manifesta con máis radicalidade -demandando entre outras cousas a rexenerativa da política e a democracia participativa-, ten por iso a mellor oportunidade para posicionarse, esixindo ser escoitada sempre que se discutan e elaboren as grandes decisións nacionais, ou estatais. Por caso, a de constitucionalizar o tope do déficit. A matemática parlamentar non lexitima algo tan transcendente sen que o ratifique un referendo. Nin o enfermizo partidismo xustifica reventar con argumentos de sacristía política unha proposta tan produtiva para Galicia -grupo galego, defensa do autogoberno, lobby estatutario en Madrid, presenza actuante na política do Estado- como a dunha candidatura unitaria e progresita para o Senado. Tanto autismo mata.

viernes, 26 de agosto de 2011

Unha grande estafa

A primavera Rubalcaba ten os días contados co respaldo que o candidato socialista lle vén de dar ao pacto para constitucionalizar o límite do déficit. De agora en diante, pouco crédito poderán ter as propostas coas que tenta distanciarse dos efectos en que deu a caída do cabalo sufrida naquel fatídico 10 de maio por Zapatero. De aprobar o Congreso esa nova imposición dos mercados, do BCE e do tandem Merkel/Sarkozy, pouco ou nada o acabará diferenciado de Rajoy, o principal beneficiario dese acto de sumisión política e de estafa á cidadanía. Non doutra maneira se pode calificar que a primeira reforma de peso na Constitución se leve a cabo con nocturnidade e alevosía, sustraéndolle ao pobo soberán a capacidade para decidilo en referendo.
A necesidade dun maior control sobre as contas públicas, e sobre os níveis do déficit nas diferentes administracións do Estado, non debera equivaler nunca a prohibilo constitucionalmente. Porque esa operación, que é o froito dun pacto ideado en Berlín e subscrito pasivamente en Madrid, compromete a seguridade de xeracións enteiras ás que, aínda que só fose porque nunca tiveron a oportunidade de pronunciarse sobre a Carta Magna que non votaron, se lles debera recoñecer o dereito de participaren directamente nunha decisión que condiciona, con crise ou sen ela, o seu futuro. E tamén o de cantos, pese ás reticencias que provocaba por ser produto dunha transición inmodélica, a votamos en 1978.
En maneira algunha se pode pensar que o déficit ou no seu caso o superávit nos orzamentos vai depender en exclusiva da vontade ou dos desexos gobernamentais de quenda. Utilizar e administrar os níveis de déficit por parte dos correspondentes gobernos dependerá moi especialmente das circunstancias externas ás que un país se teña que enfrontar en cada momento. Nas circunstancias actuais, pechar abruptamente esa posibilidade, sen por outra parte modificar a política que aposta por diminuir o déficit pola vía de reducir o gasto e non pola de aumentar impostos aos máis ricos, o que xa está sendo un monumental fracaso pode acabar convertíndose no que algúns denominan un crime económico. Neste senso, constitucionalizar a obriga do déficit cero equivale a institucionalizar os recortes sociais, e a progresiva e imparable destrución do estado de benestar.
Dicir, como vén de facer a ministra Salgado, que xa non queda tempo para subirlles os impostos aos que máis teñen, sen que se prive de defender ao mesmo tempo a reforma da Constitución en apenas 30 días, é politica e democraticamente indecente. A Constitución ten moitas vías de auga, e precisa dunha ampla reforma, cousa que negaron até agora os gobernos do PSOE e do PP, os seus máis obsesivos gardas. Abrir o chamado “melón constitucional” era para eles sumamente perigoso. Ata o mesmo día en que a señora Merkel e o BCE ordenaron abrilo non por onde fai auga precisamente -modelo de Estado, xefatura do Estado, democracia participativa, estrutura administrativa e papel/composición do Senado, etc.- senón por onde máis facilmente pode ser instrumentalizado pola ideoloxía neoliberal. Ese día, Zapatero e Rajoy non tiveron medo a perderen a virxinidade constitucional. Deberían penar a súa culpa nun referendo. Depende de se 35 deputados ou 26 senadores o demandan. ¿Quedan tantos valentes entre tanta cobardía política? Velaí a cuestión.

martes, 23 de agosto de 2011

Igrexa versus indignados

Quedou plenamente de manifesto. Na ortodoxia eclesial, esa que ten entre o fundamentalismo ratzingeriano e a secta dos “kikos” a súa máis actual representación, non caben os indignados. Eses que en vez de vida mística predican dereitos. En vez de obediencia e submisión a canto ordene a superioridade esixen facer do exercicio democrático a verdadeira vara de medir. Son ateos e cheiran que apestan. Ao contrario do que ese millón e medio de mozos e mozas que, coa mochila de peregrinos JMJ como único equipaxe, veñen de osixenar cos seus cánticos e coas súas risas piadosas o contaminado e pecaminoso pulmón de Madrid. Velaí por que a concelleira Ana Botella xustifica que aos do 15-M, nin auga, e aos do Papa, tódolos privilexios. Incluído o da ocupación e disfrute durante toda unha semana das rúas e prazas públicas que soportan maioritariamente o tránsito diario na capital de España.
Nin sequera caben os indignados de conciencia, ese heteroxéneo movemento laico co que seguramente sintonizan cantos ubican aos bispos españois no posto 39 do ránking de confianza. Só por diante do goberno de Zapatero, dos bancos, dos partidos e dos políticos en xeral, que pechan o barómetro do que tiro os datos. Eis polo que foron abofeteados, pateados e aporreados moitos deles por policías mandados pola delegada do Goberno, cando se manifestaron a prol do que a Constitución define como Estado aconfesional, e en contra da mistificación do político e do relixioso nun evento que as autoridades da Igrexa Católica se esforzaron por presentar como estritamente pastoral. Algo anecdótico e irrelevante, en palabras de Mariano Rajoy. Como se detrás desa manifestación duns cantos milleiros de laicos indignados e, o que aínda é máis importante e decisivo, como se detrás deses seus argumentos contestatarios, non houbera unha lóxica aplastante de constitucionalismo e democracia.
Se todo estaba pactado, e o goberno do Estado comprou con arrobas de complicidade política as previsibles arremetidas contra as leises que máis chocan coa moral católica, e co involucionismo doutrinal que parece retrotraerse ás psicopáticas ordenanzas do agora beato Pío IX, en contra do que a prol da liberdade relixiosa e de conciencia promovera o Concilio do recordado Juan XXIII, un non pode senón reafirmarse partícipe desa onda de contestación. E ao tempo, de esixencia de responsabilidades. Polo abuso constitucional e policial no que incurriron gobernantes socialistas, políticos dun e doutro signo á fronte de institucións estatais, autonómicas e locais.
Coa toma da Cibeles de onte pola tarde polos “kikos”, unha secta en ascenso dentro da Igrexa, á que monseñor Rouco lle vén dando protección e asesoramento, todo o que nos días da estancia do converso Ratzinger -de asesor progresista no Vaticano II pasou a ser un inquisidor involucionista con Wojtyla- constitueu un contrasentido evanxélico, teolóxico e constitucional, pero oficializado e institucionalizado, rompeu augas na sobredose fundamentalista dos seguidores -millón e medio en 106 países- do visionario e tamén converso -de ateo a predicador tipo western- Kiko Argüello. A Igrexa e Rouco non poderían ter mellor colofón ca este para xustificar que tanto a institución como os seus bispos se manteñan nos últimos postos do ránking de confianza.

domingo, 21 de agosto de 2011

A crise de despois da crise

Reconstruir a vida social. Velaí o que pensadores como Alain Touraine (Después de la crisis, Paidós, 2011) propoñen como o grande obxetivo a conquistar. É preciso escoitalos. Para saírmos do estado de postración ao que nos levou o trunfo da economía especulativa sobre a economía real. E para que os líderes políticos dunha Europa que parece camiñar a cegas deixen de valorar en exclusiva a versión que os economistas dan da crise. Sakozy e Ángela Merkel, por caso, que actúan sen outro norte que o de cadrar as cifras. Co aplauso de Zapatero cando, como vén de suceder, ensaian a destempo coa partitura que sempre despreciaran, e que tantos demandamos: un goberno económico coa suficiente autoridade como para impoñer a política sobre a libertinaxe dos mercados, que dispoña dunha unificada política fiscal e mesmo impoña a taxa Tobin ou a porcentaxe a pagar polas transacións bancarias. Porén, sen que os cidadáns de a pé deixemos de vivir atemorizados polo que vaia vir despois.
O teólogo Leonardo Boff, un dos represaliados pola vara inquisitorial do entón cardeal Ratzinger, vén de reivindicar nun dos seus sempre lúcidos escritos que se lles dea voz pública ás análisis que da crise están a facer sociólogos, antropólogos, filósofos, politólogos, comunicólogos e estudosos das culturas. Precisamente porque, ao contrario do que se nos quere facer ver desde as xefaturas dos gobernos, son os que sosteñen a tese de que non estamos diante dunha crise cíclica, senón diante dunha crise sistémica e terminal do capitalismo. Cando as orellas do lobo asomaron tras os cascotes da Lehman Brothers, líderes europeos como Sarkozy aventaron o trasfondo do desplome financeiro e saíron dun cumio do G-20 proclamando a voz en grito a urxencia de reinventar o capitalismo. Por pouco tempo. O mesmo lobo que os asustou encargouse de mantelos a raia.
A tendencia dominante é pensar, e facernos pensar, que se pode saír da crise volvendo ao que había antes. Con pequenas correccións, que fan do déficit público un dogma adaptado como unha luba á doutrina neoliberal e da austeridade unha pócima que deixa anoréxico o estado de benestar, aínda que finalmente se estabilicen pola mínima o crecemento e o emprego na eurozona. Evitarán o derrubo do sistema, grazas ás mil millonarias intervencións dos Estados nos bancos que ameazaban ruína, pero non atallará coa ciruxía pertinente a súa enfermidade. Desa ciruxía habería de xurdir unha nova sociedade. Touraine aborda esa tese no seu último libro: a crise ou acelera a formación desa nova sociedade, ou se transforma nun tsunami que arrase todo o que atope ao seu paso, “poñendo en perigo mortal a nosa existencia no planeta Terra” (p. 49).
Non estaría de máis que as multitudes que hoxe reciban ao ex-gran censor e agora Papa Ratzinger comunguen con esta idea. Tal como está montada a movida, os milleiros de xoves que o aplaudan non converxerán apenas cos milleiros de xoves indignados que desde o Magreb a España veñen demandando a transformación dos actuais sistemas noutros de novo cuño, democráticos e sociais. Lonxe de visualizar as desigualdades e a destrución de dereitos e liberdades como produto dese capitalismo terminal, o que fai a organización deste evento propio dun nacionalcatolicismo trasnochado é enmascaralas cun ha liturxia de cartón pedra. Nada se espera dese mediático ceremonial que contribúa a iluminar as alternativas coas que darlle resposta á pregunta máis prioritaria e básica que todos, crentes e non crentes, nos facemos: ¿como reconstruir a vida social no tempo da post-crise?

martes, 16 de agosto de 2011

Órdago para o Senado

Un Senado sen capacidade de decisión nin competencias directas é papel mollado. Unha institución, xa que logo, perfectamente prescindible. En tempo de crise, cos mercados facendo das súas e cos gobernos obrigados a rebaixar os déficits cortando gastos, cae de caixón que sexan moitos os que demanden a súa clausura. Porén, a experiencia que aportan outros países igualmente descentralizados tanto en Europa como en América fai pensar na utilidade desta segunda cámara, se ben tería que verse sometida previamente a unha reforma de gran calado, que en todo caso habería de vir esixida pola evolución constitucional e política do actual modelo de Estado. Para ser como en Alemaña unha cámara de representación territorial, con capacidade plena para decidir sobre todo o que afecte ás competencias das Autonomías, antes terían que ser modificadas a propia carta magna e outras leises orgánicas, e de entre elas a electoral.
Mentres isto non suceda, eleccións como as do 20-N seguirán reportando senadores que se integren en grupos nos que se reproduzan mimeticamente as estratexias e obediencias partidarias que se detectan no Congreso dos deputados. A única excepción ata o de agora é a representada pola Entesa Catalana del Progrés, grupo que deriva dunha candidatura unitaria promovida por socialistas, comunistas/verdes e nacionalistas de esquerdas. Asumiron os seus 18 compoñentes a defensa unitaria do que conforma a base do autogoberno de Catalunya, e en non poucas ocasións conseguiron romper desde dentro, ou desde fóra mediante tomas de posición mediáticas, a mecánica obstrucionista utilizada polos dous grandes partidos estatais. É o que a plataforma cívica Ben Común promove en Galicia para as eleccións do outono. Esa candidatura unitaria, integrada por persoas de recoñecido prestixio, tería o respaldo das tres forzas máis representativas da esquerda -PSdG, BNG e IU-, que haberían de renunciar ás súas propias candidaturas. Aralar busca tamén en Euskadi unha proposta unitaria, se ben de carácter exclusivamente abertzale.
Todo un órdago para as direcións das tres forzas políticas contactadas. Especialmente para as organizacións de Pachi e Guillerme Vázquez. Por máis que se trate unicamente do Senado, independizar a estratexia electoral galega da que poñan en marcha desde Ferraz, comporta para os socialistas romper de facto o cordón umbilical que nunca se atreveron a cortar. Sobre todo agora, cando o PSOE se xoga a cara ou cruz o seu estatus de poder no Estado. Delegar nesa candidatura unitaria a capacidade para decidir en cada momento a posición que no nome da Galicia progresista e galeguista adopten os seus integrantes é para os nacionalistas un endiañado test nesta hora de sobresaltos -ideolóxicos, orgánicos-, habituados como están a valerse da conformación de listas para demostrar quen manda, orgánica e institucionalmente, no BNG.
Porén, e malia admitir cambios de tendencia por mor da actual crise política, unha análise elemental sobre o sucedido nas eleccións do 2008 evidencia o éxito desa iniciativa tras o 20-N. O PP obtivo daquela o 43’36 por cento dos votos senatoriales, e as tres forzas que agora poderían apoiar esa candidatura unitaria o 52’26 por cento. O autogoberno de Galicia tería por vez primeira unha voz unitaria no Senado. Nada menos.

Papa ou emperador?

Non é de extrañar que a Igrexa Católica toque a rebato e consiga multitudes que abarroten, sequera por uns días, os telexornais de medio mundo. Hai que tapar con mediáticos eventos a caída en picado de crentes alí onde sempre conseguira visualizar a súa capacidade de captación. E con ela, o seu poder. Tendo en conta a imparable merma dos crentes máis mozos -a día de hoxe, só o 56 por cento dos comprendidos entre os 18 e os 24 anos-, España non é unha excepción. Coa multitudinaria concentración de xoves chegados desde tódolos rincóns do orbe católico, Madrid terá por cinco días o carácter de cidade/símbolo, quérese dicir, a cidade sobre a que unha organización con grandes recursos, propios e alleos, teima en demostrar contra tantas evidencias que as causas desa desafección están exclusivamente fóra da institución. Por caso, como din, a ausencia de Deus nas sociedades dos países desenvolvidos, ou as políticas laicistas de gobernos como o de Zapatero, que Ratzinger condenará de novo nos discursos que protagonizan a axenda desta viaxe papal.
Porén, esa necesidade non pode verse saciada de calquera maneira. Desde logo, non ata o extremo de poñer en dúbida a boa fe de quen, sabéndose fillo desa Igrexa, ve como algo que debera manterse nos límites dun acontecemento estritamente pastoral cae nun exceso organizativo e na sobreexcitación ideolóxica propias dun evento que se inspira preferentemente na cultura do espectáculo, e moi secundariamente na cultura relixiosa. Eis, como consecuencia, a colonización de múltiples espazos públicos, cedidos con inusitado entusiasmo confesional -nun país constitucionalmente aconfesional- por numerosos cargos políticos, moitos deles coñecidos polas súas enrabiadas diatribas contra cantos, baixo o paraugas do 15-M, ocuparon pacificamente as prazas das principais cidades españolas.
A lideresa Aguirre e o alcalde Gallardón, entre eles, entregados agora á causa de monseñor Rouco cando ordenan transformar colexios en albergues gratuitos, ou pechar ao tráfico e durante unha semana o centro neurálxico da capital de España. Ou o propio goberno do Estado, volcado en darlle cobertura institucional ao evento, deixándose instrumentalizar polos estrategas e animadores da operación JMJ, entre os que está a flor e nata da extrema dereita confesional -Opus Dei, os Kikos, Comunión y Liberación, e os Legionarios de Cristo, competindo por ascender nas preferencias do Papa-, e polos mecenas e patrocinadores do cardeal vilalbés -Banco de Santander, Telefónica, Iberdrola, Endesa, BBVA, e medio cento de empresarios máis-, que gozarán por elo dunha moi ampla bonificación fiscal.
Que diferente daqueloutra entrada do Xesús histórico en Xerusalén, a lomos dun burro e acompañado polos máis pobres do lugar. A escenografía de Cuatro Vientos, e mesmo a do viacrucis cos militares da Legión facéndolle pasillo ao Papa, chocará frontalmente coa de entón. Non serán os pobres, nin ese cuarenta e pico por cento de xoves parados os que acompañen ao Papa nese seu acto central, senón os representantes dos poderes político e relixioso, militar e financeiro. Ratzinger e Rouco non se verán por iso sometidos á ira dos poderes político e relixioso que o fundador do cristianismo sufrira daquela. Pero tampouco se han beneficiar do efecto enerxético que se poidera derivar, como entón, dunha viaxe profética en tempos de crise e tribulación social. É o que ten tanto exhibicionismo gratuito. Malia que non o sexa, máis que a visita dun Papa parece a dun emperador. E repele.